Este ano o alumnado de 2º e 3 º
de ESO participou nun novo proxecto chamado Mulleres imparables en Catabois
como parte do Plan Proxecta Donas de si. Esta actividade, que se
desenvolveu ao longo de todo o curso, tivo como obxectivo central a
reivindicación do papel da muller ao longo da historia occidental. Para acadar
este propósito, organizamos o noso traballo en varias etapas. Comezamos coa
análise das causas que provocaron a case total ausencia de figuras femininas en
ámbitos tan variados coma a política, a ciencia ou a cultura. A continuación
tratamos de dar visibilidade a mulleres que, a pesar de ter que loitar contra
todo tipo de atrancos e dificultades, conseguiron desenvolver o seu labor
profesional nun mundo basicamente masculino. Para finalizar, elaboramos unha
reflexión sobre os cambios que permitiron acadar un maior equilibrio
profesional entre homes e mulleres na sociedade actual, e sobre a necesidade de
seguir loitando ata acadar a igualdade plena.
Para comezar a nosa andaina, os
nosos alumnos e alumnas de 2º de ESO fixeron unha brevísima presentación sobre
distintas mulleres que consideraron relevantes nalgún momento da historia.
Entre as favoritas podemos destacar científicas como Marie Curie, escritoras
como Rosalía de Castro ou aventureiras como Amelia Earhart.
Posteriormente, e como
complemento ao anterior, os rapaces e rapazas elaboraron breves traballos de
investigación sobre figuras femininas relevantes, pero case totalmente
descoñecidas para eles como Leonor de Aquitania, Florence Bascom ou Mileva
Marić.
As
experiencias anteriores serviron como punto de partida para o desenvolvemento
en grupo dunha tarefa complexa que se estendeu ao longo de todo o curso, e que
consistiu na elaboración dun calendario no que cada día está dedicado a recordar unha muller relevante na nosa sociedade occidental. Este calendario está
decorado cunha selección de obras de pintoras como Maruja Mallo, Frida Kahlo,
Sofonisba Anguissola ou Mary Cassat, que foron escollidas polo noso alumnado
tras analizar o papel da muller nas artes plásticas dende o Renacemento ata a
actualidade.
O alumnado de
terceiro de ESO, pola súa banda, consciente da escasa participación feminina
nos eidos da ciencia e da tecnoloxía (incluso na actualidade), elaborou un
interesantísimo traballo sobre grandes científicas na historia da humanidade.
No seu estudo teñen cabida as traxectorias de figuras tan importantes como
Hypatia, María Sophia Germain, Ada Lovelace ou Grace Hopper.
Dende a materia de
música, os rapaces e rapazas e terceiro de ESO crearon un documento de
PowerPoint no que recolleron información sobre grandes intérpretes femininas ao
longo da historia.
A modo de conclusión, propúxose un
estudo sobre a presenza de nomes de homes e mulleres nas rúas de Ferrol. Conscientes
do papel relevante que supón a escolla destas denominacións de lugares na
memoria colectiva, os nosos alumnos e alumnas comprobaron con sorpresa a escasa
presenza de mulleres nas rúas da nosa vila e, consecuentemente, puideron
debater sobre a necesidade de reivindicar o papel feminino na historia da nosa
comunidade.
A modo de
conclusión, unha das nosas alumnas de segundo de ESO redactou un traballo de
investigación sobre as personaxes femininas na literatura xuvenil dende os anos
70 ata a actualidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario