xoves, 31 de maio de 2018

CONVIVINDO OS 365 DÍAS CON RESPECTO E IGUALDADE.


Como queira que sexa, e a pesar dos esforzos realizados  polas diferentes administracións, vemos cada día como a violencia contra as mulleres segue a ser unha vergoñenta realidade. Por iso un grupo de 10 profesoras do centro  xunto con 23 alumnas e alumnos de 2º ESO, propuxémonos solicitar un proxecto á Xunta a través do Plan Proxecta para traballar neste tema e facer todo o que estivese na nosa man para que, cando menos na nosa comunidade escolar isto non fose así. 
O alumnado que participou neste proxecto estivo  moi implicado durante todo o proceso, pois xa viña traballando nesta temática dende principios de curso. Parte do grupo cursaba a optativa de Igualdade de Xénero e a outra parte a de Promoción de Vida Saudable, co cal estaban emocionados e non foi difícil facelos partícipes do proxecto.


Partimos das ideas previas que tiñan, fixemos a sensibilización a partir de vídeos e curtas nos cales se vía o papel das nenas e das mulleres en diferentes partes do mundo: como non tiñan acceso á escola, cargaban con todo o peso no fogar, non eran valoradas polo seu traballo a pesar do seu esforzo… non fixo falta nada máis, a partir de aí e como símbolo da actuación que ían facer,  decidiron debuxar a silueta dunha árbore en papel continuo e colocar nela as follas cheas de mensaxes, unas de alento e outras de loita que rexeitaban calquera tipo de violencia. 


Estas son algunhas das actividades que fixemos nas horas de titoría, e nas que participamos, das cales amosámosvos algunhas fotos: 


- 20 febreiro xornada co título “recuperación integral das mulleres que sofren violencia de xénero”. Impartida por de María Pilar,  psicóloga do CRI (centro de atención e recuperación integral de vítimas de violencia de xénero).







- 28 febreiro: “Obradoiro ciberviolencia de xénero”, impartida por Arrate Emaldi, psicóloga da Asociación Pantallas Amigas, que se centrou en dar a coñecer e previr as novas formas de violencia que xurden no contexto dixital: ciberviolencia de xénero, grooming e sextorsión.








- do 13 ao 23 de marzo trouxemos una exposición gráfica ilustrada ao IES formada por 11 paneis co título ´”Á violencia de xénero… dille non”, dirixida a axudar ao alumnado a recoñecer, identificar e rexeitar condutas sexistas nocivas nas súas relación.







- Con motivo da conmemoración do 8 de marzo día Internacional da Muller, e coincidindo este día coa folga feminista convocada co lema “si nosotras paramos se para el mundo” fixéronse  varias actividades onde participamos conxuntamente co profesorado e alumando involucrado no Quérote+ e mais en Donas de si. O alumnado elaborou un mural que logo levou á manifestación convocada cerca do noso IES, e tamén expresaron os seus motivos e as súas razóns de por qué secundaban a folga nunhas pegatinas que colocaron nos mandís das súas nais, avoas, tías… Fixádevos no resultado nas seguintes fotografías:





























 - durante 3 xoves do mes de maio na hora en que o alumnado ten a optativa de Igualdade ou Promoción de Estilos de Vida Saudables, leváronse a cabo uns “obradoiros sobre igualdade e diversidades sexuais” grazas a colaboración entre a Concellería de Igualdade do Concello de Ferrol e as profesoras das respectivas áreas 
Iolanda e Margarita.


 O 22 de maio houbo unha xornada de sensibilización co tema: “A nova escravitude do século XXI: trata de seres humanos con fines de explotación sexual, outra forma de violencia de xénero”. Nesta charla, Roberto, pedagogo e coordinador do centro de Día O Mencer enFerrol, contoulle ao alumnado unha realidade que non hai que ir a buscala moi lonxe, a cidades como Madrid ou Barcelona, senón que acontece aquí, cando  mulleres e nenas vítimas de trata con fines de explotación sexual son traídas a Ferrol e comarca. Esta charla impactoulles moito, pois deu a coñecer unha realidade descoñecida para eles.



Como podedes observar, a involucración e mais a participación do noso alumnado nestas actividades foi exemplar. Para o curso que vén agardamos seguir co programa e contar, coma sempre, coa implicación da nosa rapazada. Agradecemos tamén o labor das profesoras participantes que en ningún momento dubidaron en ofrecer o seu tempo para traballarmos xuntas.


Ningún comentario:

Publicar un comentario