Ferrol, 12 de xuño de 2023 O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou hoxe en Ferrol o IES de Catabois, gañador na categoría para alumnado de educación secundaria obrigatoria do certame autonómico de consumo responsable Galicons, impulsado pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación xunto coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
O centro ferrolán realizou co alumnado da ESO un proxecto sobre linguaxe publicitaria titulado Publicidade sa, coa finalidade de reflexionar sobre como a publicidade impacta nas vidas dos nenos e nenas, facéndoos partícipes de que a publicidade xoga un papel fundamental nos hábitos de consumo e da relación que existe entro o consumo e o xénero. Dentro do proxecto personalizaron e elaboraron as súas propias cuncas e gravaron os seus propios anuncios para darlle publicidade ás mesmas.
Galicons, que nesta edición contou coa participación de máis de 1200 alumnos e alumnas de toda Galicia, é un programa educativo realizado en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, incluído dentro do Plan Proxecta, coa finalidade de promover a educación para o consumo responsable nos centros educativos galegos.
Na convocatoria dos premios establécense catro categorías de participación: categoría A: alumnado de segundo ciclo de educación infantil e de educación primaria; categoría B: alumnado de educación secundaria obrigatoria; categoría C: alumnado de bacharelato, de ciclos formativos de grao medio e de grao superior e formación profesional e de educación de persoas adultas; e categoría D: alumnado de educación especial.
O mellor proxecto en cada unha das categorías recibe un premio de 1500 euros. Ademais, a persoa coordinadora e o profesorado participante nos proxectos premiados recibe da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades unha certificación de premio de innovación educativa cunha equivalencia de 30 horas de formación do profesorado para o profesorado coordinador e 20 horas para o resto do profesorado participante.
Ningún comentario:
Publicar un comentario