luns, 9 de xullo de 2018

PROXECTO TERRA VISITA PORTO V


...E culminamos a nosa viaxe coa visita á famosa libraría, Livraria Lello e  Irmão tamén coñecida como Liivraria Chardron, situada na Rúa das Carmelitas, núm 144, moi preto doutro dos símbolos da cidade de Porto, a Torre dos Clérigos. Construída no século XVIII, desde os seus 76 metros de altura ofrece unhas magníficas vistas e serviu de vixía ou faro para as embarcacións do Duero. A torre, única das dúas que se deseñaron en principio, como a igrexa, é exponente do estilo barroco. 
No seu terceiro nivel atópanse 49 campás que repican catro veces ao día, sinalando as horas, e que se sumaron o pasado 21 de abril ao concerto simultáneo que ofreceron máis de mil campanarios en todo o mundo para difundir o toque de campás como patrimonio cultural da humanidade neste ano que precisamente está dedicado a este tema pola UNESCO.
Cruzando a praciña de xardíns chegamos á  libraría, que foi fundada por Ernesto Chardron en 1869. En 1894, José e António Lello adquiriron a propiedade. 
En 1906 inagurouse o edificio  en neogótico portuense, proxecto de Francisco Xavier Esteves.
O lema da libraría, "Decus in labore", "decoro [ou dignidade] no traballo" atópase na vidrieira do teito da libraría. A súa escaleira serpenteante que conduce ao segundo piso, os seus andeis oxivais e as  filigranas do artesoado deixan abraiado o cliente.
Parece que a libraría inspirou a J. K. Rowling, quen residiu en Porto durante unha época dedicándose a dar clases de inglés nunha academia. Porén, ningunha escena da libraría Florish and Blotts do rueiro Diagon da súa saga de Harry Potter foi rodada no establecemento portuense

O establecemiento  Lello e Irmão figura en varias publicacións como unha das librarías máis fermosas do mundo.
        

venres, 6 de xullo de 2018

DONAS DE SI. MULLERES IMPARABLES EN CATABOIS.


Este ano o alumnado de 2º e 3 º de ESO participou nun novo proxecto chamado Mulleres imparables en Catabois como parte do Plan Proxecta Donas de si. Esta actividade, que se desenvolveu ao longo de todo o curso, tivo como obxectivo central a reivindicación do papel da muller ao longo da historia occidental. Para acadar este propósito, organizamos o noso traballo en varias etapas. Comezamos coa análise das causas que provocaron a case total ausencia de figuras femininas en ámbitos tan variados coma a política, a ciencia ou a cultura. A continuación tratamos de dar visibilidade a mulleres que, a pesar de ter que loitar contra todo tipo de atrancos e dificultades, conseguiron desenvolver o seu labor profesional nun mundo basicamente masculino. Para finalizar, elaboramos unha reflexión sobre os cambios que permitiron acadar un maior equilibrio profesional entre homes e mulleres na sociedade actual, e sobre a necesidade de seguir loitando ata acadar a igualdade plena.
Para comezar a nosa andaina, os nosos alumnos e alumnas de 2º de ESO fixeron unha brevísima presentación sobre distintas mulleres que consideraron relevantes nalgún momento da historia. Entre as favoritas podemos destacar científicas como Marie Curie, escritoras como Rosalía de Castro ou aventureiras como Amelia Earhart.


 Posteriormente, e como complemento ao anterior, os rapaces e rapazas elaboraron breves traballos de investigación sobre figuras femininas relevantes, pero case totalmente descoñecidas para eles como Leonor de Aquitania, Florence Bascom ou Mileva Marić.

As experiencias anteriores serviron como punto de partida para o desenvolvemento en grupo dunha tarefa complexa que se estendeu ao longo de todo o curso, e que consistiu na elaboración dun calendario no que cada día está dedicado a recordar unha muller relevante na nosa sociedade occidental. Este calendario está decorado cunha selección de obras de pintoras como Maruja Mallo, Frida Kahlo, Sofonisba Anguissola ou Mary Cassat, que foron escollidas polo noso alumnado tras analizar o papel da muller nas artes plásticas dende o Renacemento ata a actualidade.































O alumnado de terceiro de ESO, pola súa banda, consciente da escasa participación feminina nos eidos da ciencia e da tecnoloxía (incluso na actualidade), elaborou un interesantísimo traballo sobre grandes científicas na historia da humanidade. No seu estudo teñen cabida as traxectorias de figuras tan importantes como Hypatia, María Sophia Germain, Ada Lovelace ou Grace Hopper. 






Dende a materia de música, os rapaces e rapazas e terceiro de ESO crearon un documento de PowerPoint no que recolleron información sobre grandes intérpretes femininas ao longo da historia.










A modo de conclusión,  propúxose un estudo sobre a presenza de nomes de homes e mulleres nas rúas de Ferrol. Conscientes do papel relevante que supón a escolla destas denominacións de lugares na memoria colectiva, os nosos alumnos e alumnas comprobaron con sorpresa a escasa presenza de mulleres nas rúas da nosa vila e, consecuentemente, puideron debater sobre a necesidade de reivindicar o papel feminino na historia da nosa comunidade.


A modo de conclusión, unha das nosas alumnas de segundo de ESO redactou un traballo de investigación sobre as personaxes femininas na literatura xuvenil dende os anos 70 ata a actualidade.