Este curso no programa Quérote + , en Física e Química de 3º ESO,
traballamos a temática da identidade e orientación sexual.
Traballouse o tema a partir do vídeo
Love has no labels (O amor non
ten etiquetas), no cal se emprega o efecto dunha radiografía na que se ven
diferentes formas de afecto a través de esqueletos humanos.
Bioloxicamente temos certos
caracteres celulares, morfolóxicos, fisiolóxicos, que determinan o noso sexo.
Agora ben, hai persoas cuxo corpo físico non corresponde ao seu
"psíquico", á súa forma de entenderse e sentirse sexualmente. No
momento de relacionarnos sexualmente con alguén, caben varias posibilidades e a
elección dunha ou doutra determina a nosa orientación sexual.
A opinión do alumnado, en xeral, é
que cada un ten dereito a elixir a súa orientación sexual e que ninguén pode
ser xulgado pola opción que escolla. Debería verse con normalidade, pero aínda
non é así. Parte da sociedade é aínda reticente a aceptar as identidades que se
apartan da heterosexualidade, mesmo considerándoas unha enfermidade ou un
delicto. Rapaces e rapazas coinciden en que o único que pode considerarse
doenza ou comportamento delictivo é a homofobia ou o castigo contra os que se
apartan da suposta “normalidade”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario