luns, 12 de xuño de 2017

NUNO BAAMONDE BECEIRO: CAMPIÓN GALEGO DE TIRO CON ARCO


A fin de semana do 10 ao 11 de xuño deste ano celebrouse en Pontevedra o Campionato Galego de Tiro con Arco, organizado polo Club Boa Vila. No evento resultou gañador o noso alumno Nuno Baamonde de 3º A que obtivo o Primeiro Premio na categoría cadete á que pertence representando ao Club Arco Ferrol que acadou o primeiro e o segundo posto nas categorías de alevín e cadete. 
O flamante campión prestouse para responder a unhas preguntas e axudar así a difundir o entusiasmo pola práctica do deporte. Cada vez son máis os que se animan.  Na foto, co seu trofeo e medalla, vémolo acompañado de Sandra Cepero que tamén practica tiro con arco, de Eli Tatyanova que xoga ao vóleibol e de Alfonso, o seu profesor de Educación Física e coordinador do proxecto deportivo de centro.



Entrevistadores: Cóntanos! Como foi a túa experiencia neste torneo?
Nuno: O torneo dura dous días porque o sábado compiten as categorías inferiores, ardillas, infantil e alevín; e o domingo as superiores, cadete, senior e veterán. A xornada do domingo foi dura xa que competimos de nove da mañá a nove da noite.

E.: Agardabas este resultado tan bo?
N.: A verdade é que non. Non o esperaba ata o ano que vén xa que o meu compañeiro Pedro Pina levaba xa tres anos nesta categoría e ía primeiro, pero el púxose nervioso e eu aguantei mellor a presión.

E.: Esta é a primeira vez que gañas?
N.: De primeiro, si.

E.: Logo xa gañaches outros campionatos?
N.: Si, este ano gañei o Campionato Galego de Sala, no que quedei en segundo posto, e o Torneo da Federación, no que quedei en 5ª posición.

E.: Como reaccionaches ao saber que eras o gañador neste torneo?
N.: Primeiro pensei que era un soño; logo corrín a estreitar a man do meu rival.

E.: Felicidades pola túa victoria!
N.:Grazas!


Xa vedes: é merecedor do trofeo non só polas súas habilidades no tiro con arco, senón pola súa deportividade!! Noraboa, Nuno.

Ningún comentario:

Publicar un comentario