ERASMUS + KA1 COURSE
HELLENIC CIVILIZATION. Wisdom combined with beauty
18 a 22 de novembro de 2024, Levadia, Grecia
O programa de Erasmus+ coordinado e organizado polo Centro de Formación e Recursos de Ferrol, que tivo lugar en Grecia entre o 18 e o 22 de novembro de 2024, tiña como obxectivo achegar aos docentes á civilización helénica, milenaria cultura que destacou por impoñer as bases culturais da nosa sociedade actual.
O primeiro día, fóra da
planificación, paseamos pola cidade de Atenas á nosa chegada, xa pasadas as
once da noite. Non quixemos perder o espectáculo de ver a Acrópole iluminada
que se albisca dende moitos lugares da inmensa urbe, capital do país. Ao día
seguinte, acudimos a unha visita guiada e comemos moi preto do museo para,
inmediatamente despois, partir cara Levadia, nun traxecto que nos levou
aproximadamente dúas horas en bus.
Alí tivo lugar a formación, que
deu comezo o luns cunha pequena presentación sobre o sistema de educación
público de Grecia, para despois pasar a tratar cuestións de cidadanía e
democracia inherentes á Antigüidade helénica. As leccións teóricas estiveron
dirixidas por dous docentes gregos: Vasily e Popi, que deron boa mostra da
tradicional hospitalidade grega e fixéronnos sentir totalmente acompañados
durante a nosa estancia.
Ese mesmo día acudimos a visitar
unha escola de Educación Primaria (4th
Primary School of Levadia) onde, coincidindo co aniversario da Revolta da
Universidade Politécnica, se celebrou unha representación teatral na que participaron
varios cursos. Levaba por nome The
Dictatorship e, a pesar de estar dramatizada en grego, observamos
claramente a potencialidade do alumnado ante o seu público, recitando a maior
parte dos diálogos de memoria e acompañados sempre con música e cantos dos seus
compañeiros/as.
O martes 19 fomos de visita ao
Santuario de Delfos onde un guía nos explicou as obras máis salientables que se
custodian no Museo de Delfos e, posteriormente, nos fixo un recorrido polo
inmenso xacemento arqueolóxico emprazado aos pés do Monte Parnaso.
O mércores 20 afondamos nos coñecementos sobre a música grega, dende a Antigüidade ata a actualidade. A explicación teórica, amenizada por fragmentos musicais de diferentes artistas, fixo especial fincapé nun estilo contemporáneo coñecido como Rebetiko, propio do século XX e nacido nas rúas de Atenas froito da migración e da marxinalidade. Así, seguindo con esa temática, visitamos a Escola de Música próxima á vila, onde puidemos deleitarnos cunha actuación espectacular do seu alumnado e de parte do profesorado, que nos recibiu amablemente e nos tocaron e cantaron con varias pezas diferentes, destacando as interpretacións do seu coro de estudantes.
O xoves, tanto a sesión da mañá
como a da tarde estivo destinada ao drama e ao teatro, unha actividade
propiamente grega dende os albores da civilización. De tal xeito, a primeira
parte foi unha explicación teórica sobre o drama na Antigüidade con especial
atención ao autor Sófocles. Posteriormente, guiados por un gran experto, Lazaros
Papadopoulos, puidemos realizar diversas actividades para coñecernos mellor
como grupo e incitar á improvisación. Realizamos unha pequena obriña teatral
improvisada en pequenos grupos que, posteriormente, tivemos que adaptar para
representar mediante mímica e tan só cinco palabras. A idea enganchounos dende
o primeiro momento e as improvisacións dos grupos foron incriblemente divertidas.
Por último, o venres 22 Popi explicounos
as celebracións típicas dos gregos, ligadas en moitos casos a vacacións
escolares. Falamos das diferenzas entre as festividades relixiosas católicas e
ortodoxas, así como a súa influencia nas identidades culturais de ambos países.
fixéronnos entrega dos diplomas.
Posteriormente, partimos visitar un centro de educación secundaria coñecido como 3th High School Levadia. Alí un grupo de estudantes guiounos polas instalacións, onde puidemos entrar en distintas aulas materia e ver o desenvolvemento dalgunhas clases, como a de matemáticas.
Ademais, un gran grupo de alumnos e alumnas realizou unha actuación de danza típica grega, á que nos sumamos grazas a contar con pasos simples e moi rítmicos. Como contrapartida, improvisamos algúns pasos do baile galego por excelencia: a muiñeira guiados pola man de Fani, profesora de música en Educación Primaria.
Para rematar a xornada, os
docentes do instituto ofrecéronnos unha comida feita por eles e que axudaron os
estudantes a servir.
O sábado 23 ás 8 da mañá, partimos de novo cara o aeroporto de Atenas para regresar a Ferrol e reincorporarnos a vindeira semana aos nosos respectivos centros.