Segundo a OMS, cada ano rexístranse, en
todo o mundo, máis de 448 millóns de casos novos curables de ITS (bacterianas e protozoarias) entre
homes e mulleres de idades comprendidas entre os 15 e os 49 anos. Tamén se producen todos os anos
millóns de ITS atribuíbles principalmente ao VIH, herpesvirus humanos, ao virus do papiloma humano
(VPH) e ao virus da hepatite B (VHB).
Con carácter xeral, as ITS, sobre todo o VIH, afectan máis a poboacións con baixos recursos, e as infeccións
bacterianas afectan especialmente a poboación nova e mulleres. Se ben, como dicimos, a
maioría das ITS e as súas consecuencias afectan máis ás persoas de países en vías de desenvolvemento,
as rexións desenvolvidas non se libran desta epidemia mundial. Nestas últimas, a incidencia
da gonococia e a sífilis diminuíu na década dos 80 grazas á mellora dos servizos sanitarios e aos cambios
dos comportamentos debidos á aparición do VIH/sida. Nos últimos anos estase apreciando un incremento
das ITS asociado a un aumento das prácticas de risco. Nos países desenvolvidos, as
tendencias socioculturais e os movementos migratorios fan prever un aumento da morbilidade. Ademais,
a aparición de resistencias fronte aos medicamentos de uso habitual.
Na nosa comunidade, a vía de transmisión sexual é a máis importante en enfermidades como a infección
polo VIH/sida, infeccións polo VPH, o herpes xenital simple e a hepatite B. Algunhas destas
infeccións teñen ademais especial importancia porque poden pasar da nai ao fillo durante o embarazo,
parto ou lactación.
En Galicia, igual que sucede no resto de España ou de Europa Occidental, a infección polo VIH/sida e
outras ITS afectan maioritariamente a homes. Se nos referimos á transmisión heterosexual, no período 2004-2013, a infección polo VIH en Galicia afecta case por igual homes e mulleres cunha razón
home/muller de 1,4. Neste mesmo período, esta vía de transmisión supuxo o 76 % dos casos de VIH
declarados en mulleres residentes en Galicia, o que nos orienta sobre onde centrar os esforzos na
prevención (2).
O éxito da terapia antirretroviral (TAR) aumenta a supervivencia das persoas afectadas, e polo tanto
cada ano, aumenta o número de persoas vivindo co VIH/sida. Segundo ONUSIDA, o número de persoas
vivindo co VIH/sida en 2013 aumentou un 9% con respecto ao 2005 (32.100.000).
A situación da infección polo VIH no mundo é moi heteroxénea e a rexión subsahariana segue a ser
a máis afectada. Ademais, o 71,4% das novas infeccións de todas as idades prodúcense na África subsahariana.
Estímase que, en 2013, se reduciu o número de novas infeccións máis do 27% con respecto
ao ano 2005 (2.900.000). Aínda que, globalmente, o número de novas infeccións foi
diminuíndo, este segue a ser moi elevado.
Segundo os datos do European Centre for Disease Prevention and Control (ECDC), a infección polo
VIH segue a ser un dos principais problemas de saúde pública nos países da Unión Europea/Área Económica
Europea (UE/EEA). A incidencia anual provisional comunicada no ano 2012 foi de 0,58/106
hab. cun total de 29.381 casos, e estímase que acadará arredor de 0,62 casos/106 hab. despois de
corrixir o atraso na comunicación. Estes datos parecen confirmar unha estabilización na incidencia. A pesar deste acusado descenso, España segue
a ser un dos países de Europa Occidental con maior incidencia de sida. O patrón de transmisión
mudou, e mentres que a porcentaxe de novos casos de sida diminuíu de forma importante nas persoas
UDI (24% en 2012), a porcentaxe por vía sexual aumentou (66% en 2012; HSH: 31%, heterosexual:
35%). Non obstante, a verdadeira dimensión da enfermidade está no número de persoas
infectadas polo VIH.
Ningún comentario:
Publicar un comentario