mércores, 4 de decembro de 2024

ERASMUS + KA1 COURSE

HELLENIC CIVILIZATION. Wisdom combined with beauty

18 a 22 de novembro de 2024, Levadia, Grecia

O programa de Erasmus+ coordinado e organizado polo Centro de Formación e Recursos de Ferrol, que tivo lugar en Grecia entre o 18 e o 22 de novembro de 2024, tiña como obxectivo achegar aos docentes á civilización helénica, milenaria cultura que destacou por impoñer as bases culturais da nosa sociedade actual.

O primeiro día, fóra da planificación, paseamos pola cidade de Atenas á nosa chegada, xa pasadas as once da noite. Non quixemos perder o espectáculo de ver a Acrópole iluminada que se albisca dende moitos lugares da inmensa urbe, capital do país. Ao día seguinte, acudimos a unha visita guiada e comemos moi preto do museo para, inmediatamente despois, partir cara Levadia, nun traxecto que nos levou aproximadamente dúas horas en bus.

 

Alí tivo lugar a formación, que deu comezo o luns cunha pequena presentación sobre o sistema de educación público de Grecia, para despois pasar a tratar cuestións de cidadanía e democracia inherentes á Antigüidade helénica. As leccións teóricas estiveron dirixidas por dous docentes gregos: Vasily e Popi, que deron boa mostra da tradicional hospitalidade grega e fixéronnos sentir totalmente acompañados durante a nosa estancia.

Ese mesmo día acudimos a visitar unha escola de Educación Primaria (4th Primary School of Levadia) onde, coincidindo co aniversario da Revolta da Universidade Politécnica, se celebrou unha representación teatral na que participaron varios cursos. Levaba por nome The Dictatorship e, a pesar de estar dramatizada en grego, observamos claramente a potencialidade do alumnado ante o seu público, recitando a maior parte dos diálogos de memoria e acompañados sempre con música e cantos dos seus compañeiros/as.


O martes 19 fomos de visita ao Santuario de Delfos onde un guía nos explicou as obras máis salientables que se custodian no Museo de Delfos e, posteriormente, nos fixo un recorrido polo inmenso xacemento arqueolóxico emprazado aos pés do Monte Parnaso.


O mércores 20 afondamos nos coñecementos sobre a música grega, dende a Antigüidade ata a actualidade. A explicación teórica, amenizada por fragmentos musicais de diferentes artistas, fixo especial fincapé nun estilo contemporáneo coñecido como Rebetiko, propio do século XX e nacido nas rúas de Atenas froito da migración e da marxinalidade. Así, seguindo con esa temática, visitamos a Escola de Música próxima á vila, onde puidemos deleitarnos cunha actuación espectacular do seu alumnado e de parte do profesorado, que nos recibiu amablemente e nos tocaron e cantaron con varias pezas diferentes, destacando as interpretacións do seu coro de estudantes.

 

O xoves, tanto a sesión da mañá como a da tarde estivo destinada ao drama e ao teatro, unha actividade propiamente grega dende os albores da civilización. De tal xeito, a primeira parte foi unha explicación teórica sobre o drama na Antigüidade con especial atención ao autor Sófocles. Posteriormente, guiados por un gran experto, Lazaros Papadopoulos, puidemos realizar diversas actividades para coñecernos mellor como grupo e incitar á improvisación. Realizamos unha pequena obriña teatral improvisada en pequenos grupos que, posteriormente, tivemos que adaptar para representar mediante mímica e tan só cinco palabras. A idea enganchounos dende o primeiro momento e as improvisacións dos grupos foron incriblemente divertidas.

 

Por último, o venres 22 Popi explicounos as celebracións típicas dos gregos, ligadas en moitos casos a vacacións escolares. Falamos das diferenzas entre as festividades relixiosas católicas e ortodoxas, así como a súa influencia nas identidades culturais de ambos países. fixéronnos entrega dos diplomas.

 

Posteriormente, partimos visitar un centro de educación secundaria coñecido como 3th High School Levadia. Alí un grupo de estudantes guiounos polas instalacións, onde puidemos entrar en distintas aulas materia e ver o desenvolvemento dalgunhas clases, como a de matemáticas.


Ademais, un gran grupo de alumnos e alumnas realizou unha actuación de danza típica grega, á que nos sumamos grazas a contar con pasos simples e moi rítmicos. Como contrapartida, improvisamos algúns pasos do baile galego por excelencia: a muiñeira guiados pola man de Fani, profesora de música en Educación Primaria.

Para rematar a xornada, os docentes do instituto ofrecéronnos unha comida feita por eles e que axudaron os estudantes a servir.

O sábado 23 ás 8 da mañá, partimos de novo cara o aeroporto de Atenas para regresar a Ferrol e reincorporarnos a vindeira semana aos nosos respectivos centros.