9 a 16 de maio: SEMANA DE ACOLLIDA DENTRO DO PROXECTO ERASMUS + KA122: GALLAECIAE QUERCUS

A semana do 9 ao 16 de maio foi unha semana internacional e galega. Festexamos a diversidade, a interculturalidade e o día das nosas letras. 

Esta semana recibimos dez alumnos e alumnas da Bretaña francesa que xa acolleran o noso alumnado no mes de outubro, así que agora era o noso turno de ser os anfitrións e iso é algo que as familias de Catabois saben facer moi ben. 

Ademais, ao mesmo tempo, cinco profesores do colexio Joséphine Baker, de Valenciennes, no norte de Francia, tamén nos visitaron para observar o noso labor diario e preparar o intercambio que faremos con eles o curso que vén dentro do noso proxecto Erasmus +. 

O venres 9, recibimos o grupo de bretóns que chegaron pola noite. 

O sábado pasaron o día en familia e o domingo pola mañá, Carolina, profe de inglés e Isa, de francés, acompañaron o grupo de bretóns a coñecer o barrio de Canido. Jonast, alumno de 4º ESO, foi un guía fantástico no percorrido das Meninas. 

O luns, levámolos ás Illas Cíes, aínda que o tempo non acompañou nada e houbo que regresar antes do previsto. Os profes de Bioloxía e de Física e Química: Juanma e Selva mais os nosos alumnos Erasmus exerceron de acompañantes.

O martes tocou coñecer Santiago da man de Elisa, profe de inglés, e de Begoña, a profe de Relixión que nos tiña preparado un fantástico percorrido cheo de pistas e probas para descubir a capital de Galicia.

O mércores, Patri, profe de Xeografía e Historia, e Isa, profe de francés, acompañaron o grupo nunha ruta de senderismo polas Fragas do Eume. O tempo xa foi mellor e o grupo de franceses desfrutaron moito da paisaxe natural das nosas fragas.

O xoves, ofrecemos unha xornada intensa dentro do noso centro: participación nas clases, gravación dun podast, feira do libro, obradoiro de xogos na biblioteca e acto das letras galegas coa colaboración do alumnado de primaria do CEIP San Xoán de Filgueira. Este ano 2025 adicado á poesía popular oral personificado nas Pandeireiteiras de Mens inspirounos para animarnos a tocar e bailar as nosas cancións tradicionais e mostrar así ao profesorado e alumnado francés unha parte importante da nosa cultura. E como non podía ser doutra maneira en Galicia, rematamos o día compartindo pinchos que todas as familias participantes no intercambio trouxeron para despedir a semana de acollida.  

Podedes ver un resumo no noso instagram






Comentarios

Publicacións populares