PROXECTO TERRA VISITA PORTO V

...E culminamos a nosa viaxe coa visita á famosa libraría, Livraria Lello e Irmão tamén coñecida como Liivraria Chardron, situada na Rúa das Carmelitas, núm 144, moi preto doutro dos símbolos da cidade de Porto, a Torre dos Clérigos. Construída no século XVIII, desde os seus 76 metros de altura ofrece unhas magníficas vistas e serviu de vixía ou faro para as embarcacións do Duero. A torre, única das dúas que se deseñaron en principio, como a igrexa, é exponente do estilo barroco.
No seu terceiro nivel atópanse 49 campás que repican catro veces ao día, sinalando as horas, e que se sumaron o pasado 21 de abril ao concerto simultáneo que ofreceron máis de mil campanarios en todo o mundo para difundir o toque de campás como patrimonio cultural da humanidade neste ano que precisamente está dedicado a este tema pola UNESCO.
Cruzando a praciña de xardíns chegamos á libraría, que foi fundada por Ernesto Chardron en 1869. En 1894, José e António Lello adquiriron a propiedade.
En 1906 inagurouse o edificio en neogótico portuense, proxecto de Francisco Xavier Esteves.
En 1906 inagurouse o edificio en neogótico portuense, proxecto de Francisco Xavier Esteves.
O lema da libraría, "Decus in labore", "decoro [ou dignidade] no traballo" atópase na vidrieira do teito da libraría. A súa escaleira serpenteante que conduce ao segundo piso, os seus andeis oxivais e as filigranas do artesoado deixan abraiado o cliente.
Parece que a libraría inspirou a J. K. Rowling, quen residiu en Porto durante unha época dedicándose a dar clases de inglés nunha academia. Porén, ningunha escena da libraría Florish and Blotts do rueiro Diagon da súa saga de Harry Potter foi rodada no establecemento portuense. 




Comentarios
Publicar un comentario